As nosas festas
As nosas festas
Carme do Castelo
Ten lugar na terceira fin de semana de xullo. A procesión, que sae da igrexa de Santiago do Deán, celébrase no domingo e realiza un percorrido polas rúas da parroquia ata chegar ó porto, onde un barco recolle a imaxe da virxe e con ela percorre as augas da ría. Caracterízase pola celebración dunha popular sardiñada e mais pola música e baile tradicionais que se suceden ó longo de toda a fin de semana, e que culminan coa celebración dun serán en que participan os grupos da localidade.
Carme dos Pincheiros
Celébrase a fin de semana que coincide co terceiro domingo de agosto, día en que ten lugar a procesión. Os “pincheiros” eran mariños que se dedicaban á arte de pesca do pincho, a cal se empezou a utilizar na ría da Arousa no séc. XVIII. En agosto era cando remataba a campaña, motivo polo cal se “trasladou” a celebración na honra á Virxe do Carme, para que a xente do mar non a perdese. Hoxe en día é unha das festas máis concorridas da Pobra, ó coincidir co momento culminante da tempada estival. O máis característico, ademais das agrupacións de música tradicional e dos concertos de bandas de música de toda Galicia, son as comparsas de xigantes e cabezudos que alegran cos seus bailes as principais prazas do centro da vila e tamén a celebración dos San Juerguíns, en que participan agrupacións formadas pola mocidade da localidade e que culmina coa popular “festa da auga”.
O Nazareno
Declarada Festa de Interese Turístico Galego no ano 2000, é, sen dúbida, a festividade máis popular de todas cantas teñen lugar na Pobra do Caramiñal. Estas festas teñen unha duración de 4 días, se ben o día grande é aquel en que ten lugar a procesión, que se celebra cada terceiro domingo de setembro. Esta procesión xa se vén celebrando dende antigo, pois data do séc. XV. Conta a lenda que o rexedor da Pobra do Deán por aquel entón condenou a morte catro salteadores e na véspera da procesión caeu gravemente enfermo, polo que se encomendou ó Nazareno. Tras recupera-la saúde, presentouse na procesión vestindo a súa mortalla e mandou ós condenados que portasen o seu cadaleito durante ela. Unha vez finalizada, e como gratitude ó Nazareno, o rexedor indultounos. Hoxe en día, milleiros de fieis acoden á Pobra do Caramiñal para presenciaren unha das procesións máis peculiares de Galicia, pois o santo segue indo en procesión acompañado dun desfile de cadaleitos baleiros que preceden ás persoas devotas que esquivaron a morte grazas á súa intervención. Esta non deixa de ser unha imaxe impresionante para xentes crentes e escépticas, pois, aínda que a morte está moi presente, non é máis ca a imaxe clara do triunfo da vida.