PATRIMONIO

Pazos, igrexas, cruceiros, xacementos arqueolóxicos

PAZOS

TORRE DE XUNQUEIRAS

Monumento histórico-artístico de carácter nacional

Trátase dunha fortaleza medieval que destaca pola torre de homenaxe, por un claustro de soportais, pola elegancia clásica das súas portadas renacentistas e por unha terraza de atrevidos beirís barrocos. É este un espazo moi relacionado con Ramón del Valle-Inclán, non só no que á literatura se refire, pois foi escenario das ficcións literarias do Marqués de Bradomín, senón tamén no tocante á súa vida persoal, pois era lugar habitual dos seus pasatempos estivais.

〰

CASA GRANDE DE AGUIAR

Forma parte do conxunto histórico do Castelo, xunto co pazo do Couto e a igrexa de Santiago do Deán. As súas orixes atópanse nunha torre do século XVI, malia que foi reformada en tempos do Barroco. Non é visitable.

Casa Grande de Aguiar en primavera
CASA GRANDE AGUIAR
〰

PAZO DO COUTO

Atópase no núcleo histórico do Castelo, formando conxunto coa igrexa de Santiago do Deán e coa casa grande de Aguiar. A súa construción data dos séculos XVIII e XIX. Destaca polo seu xardín con fonte barroca e labirinto de buxo. Non é visitable.

PAZO DO COUTO
〰

BARRIO DOS CATALÁNS

Nesta zona da Pobra do Caramiñal foi onde se asentaron os fomentadores cataláns entre a segunda metade do século XIX e principios do século XX e estabeleceron os almacéns de salgadura de sardiña. É ó longo desta época cando se produce unha reactivación da industria naval e das actividades pesqueira e portuaria, ligadas á vangarda dun sector que se convertería, co paso do tempo, nun dos puntais económicos da vila, pois é o xerme do que hoxe en día é a industria conserveira.

barrio dos catalans pobra do caraminal
〰

IGREXAS/ERMIDAS/CAPELAS

IGREXA DE SANTIAGO DA POBRA DO DEÁN (ss. XIV-XVIII)

Templo xacobeo de estilo gótico, enriquecido por liñaxes e confrarías con preciosas capelas do Renacemento, Barroco e Neoclasicismo. Entre as súas capelas destaca particularmente a capela da Alba, obra do séc. XVI decorada con elementos arquitectónicos e figuras labradas en granito que configuran un conxunto de notable singularidade. Destacan tamén varias pezas escultóricas no exterior, como a do apóstolo Santiago na ábsida, de estilo románico, ou os músicos da fachada principal.

IGREXA DE SANTIAGO DA POBRA DO DEAN
〰

IGREXA DE SANTA Mª A Antiga do Caramiñal (sécs. XVI-XVII, con nave engadida no séc. XX)

Igrexa con ábsida renacentista. A súa nave principal e os seus retablos son de traza barroca. No exterior do templo, de cantaría granítica, destaca a fachada principal, con portada alintelada enmarcada por pilastras e frontón con fornela, sobre a cal se sitúa un óculo de iluminación e escudo de armas labrado.

IGREXA DE SANTA Mª Antiga do Caraminal
〰

IGREXA DE SANTO ISIDORO DE POSTMARCOS (sécs. XVII- XVIII)

Sobre o orixinario templo románico, edificouse unha igrexa de marcado carácter rural. Destaca a espadana anexa con campás e a composición da súa portada, con arco de medio punto e oco de iluminación rectangular, sobre os cales se dispón o relevo do busto de santo Isidoro e a Virxe do Socorro.

〰

IGREXA DE SANTA MARÍA DO XOBRE (sécs. XVIII-XIX)

Inclúese dentro dun conxunto de edificacións que recolle a igrexa parroquial, casa reitoral, cemiterio e ruínas do convento de franciscanos de Santo Antonio. A igrexa parroquial, dunha soa nave, presenta fachada de cantaría rematada con frontón partido e, como resultado dunha obra posterior, o remate do campanario lateral.

IGREXA DE SANTA MARIA DO XOBRE
〰

IGREXA DE SANTA CRUZ DE LESÓN (séc. XX)

Aínda que existen referencias da existencia dun templo en Lesón como anexo parroquial de Santiago do Deán e a consagración dunha igrexa románica no séc. XII, a construción actual data do ano 1906 e está constituída por un templo rural dunha soa nave, en que se coroa a composición mediante unha sinxela espadana.

〰

ERMIDA DA GUADALUPE DOS CASÁS

Trátase dunha sinxela construción, de planta case cadrada, que se corresponde coa reedificación aínda recente dunha antiga capela preexistente, toda ela de estrutura moi sinxela e muros de cachotaría ós cales se abren moi poucos ocos.

〰

ERMIDA DA VIRXE DO MONTE

Oratorio campestre de elegante deseño clásico.

〰

XACEMENTOS ARQUEOLÓXICOS

RUINAS DO EREMITORIO DE SAN XOÁN DA MISARELA

Na confluencia dos ríos San Xoán e Barbanza, atópase o xacemento de San Xoán da Misarela. Trátase das ruínas dun convento franciscano que estivo habitado na Baixa Idade Media. A tradición oral di que o eremitorio foi fundado por san Mauro, quen chegou ata alí nunha barca de pedra. Os “mouros” perseguíano pero a providencia, segundo o santo ía remontando o río, íao enchendo de cantos para obstaculiza-lo paso dos seus perseguidores, de aí o nome de río das Pedras. Nas súas inmediacións atópanse unha ponte tamén medieval, un petróglifo cruciforme e a xa nomeada “barca de pedra”, o cal fai do lugar un conxunto arqueolóxico que paga a pena visitar.

〰

FOLGOSO VELLO

Este conxunto arqueolóxico está formado polos restos de varias cabanas e un curro (cerrado para o gando). Sospéitase que é da época medieval, á falta de que as sondaxes realizadas proporcionen datos máis concretos.

〰

SARTEGOS DO POMAR

Trátase de dúas tumbas antropomorfas escavadas na rocha seguramente da época altomedieval. Atópanse nun lugar idílico a escasa distancia do actual tempo de Santo Isidoro de Postmarcos, no medio dunha fermosa fraga rodeada de socalcos.

〰