Ruta cultural polo núcleo histórico

Ruta cultural polo núcleo histórico

Ruta cultural polo casco histórico

  • Alicerces da torre do Deán (arquitectura medieval, sécs. XIV e XV). Construción defensiva asentada sobre o bordo rochoso do perímetro litoral da antiga Pobra medieval á cal nos séculos XIX e XX lle serán engadidos diversos ocos de fachada para transformala en vivenda. Ademais do corpo principal da fábrica medieval, conserva unha fiestra seteira e o escudo de maior antigüidade da vila nun dos seus linteis.
  • Calzada empedrada. Infraestrutura da Idade Moderna (séc. XVIII)
  • Cruceiro do adro de Santiago da Pobra do Deán (séc. XVIII). Cruceiro de fuste que remata nun capitel composto sobre o cal se labran relevos de cabezas de anxos en cada unha das súas caras. A composición coróase co tradicional grupo escultórico da crucifixión tallado con finura e realismo.
  • Igrexa de Santiago da Pobra do Deán (sécs. XIV-XIX). Con grande interese polo valor histórico dalgúns dos seus elementos construtivos e ornamentais, con elementos estilísticos que abarcan dende os góticos ós neoclásicos, dispoñendo tamén de varias pezas escultóricas no exterior, entre as cales destaca a do apóstolo Santiago, de estilo románico ó modo da do Pórtico da Gloria.
  • Pazo do Couto (sécs. XVIII e XIX). Construción que reúne as características máis significativas da arquitectura pacega, constituíndo un conxunto coa súa quinta axardinada. Pertencente á familia Valderrama durante o séc. XVIII, relaciónase con persoeiros relevantes da historia local: un dos máis destacados é o célebre escritor Ramón del Valle-Inclán.
  • Casa grande de Aguiar (sécs. XVI e XIX). As súas orixes atópanse nunha torre do século XVI, malia que foi reformada en tempos do Barroco. Constitúe un conxunto de gran singularidade, xunto coa igrexa de Santiago do Deán e o pazo do Couto. Pertencente durante o século XVIII á familia Romay e posteriormente á familia Díaz de Rábago, asóciase como residencia a diversos persoeiros relevantes na historia local como dona Carmela Arias e Díaz de Rábago, condesa de Fenosa.
  • Antiga Escola de Artes e Oficios (arquitectura modernista, séc. XIX). Trátase dunha edificación residencial colectiva con detalles ornamentais moi elaborados e certa inspiración en motivos vexetais, seguindo a influencia modernista da época. Foi Escola de Artes e Oficios e nela estudou pintura o escritor galego Castelao.
  • Casal dos Montenegro-casa do Cuadrante (séc. XIX). A edificación revela aínda a súa orixe como casa nobre ou pazo urbano que presenta un reloxo de sol ou cuadrante sobre un dos extremos da fachada. Este edificio está relacionado coa historia moderna da vila, ó ser sede no seu día do diario local La Razón.
  • Casa da estrela (arquitectura medieval, sécs. XIV-XV). Esta casiña é unha clara testemuña do pasado medieval da vila da Pobra do Deán. Probablemente se trata dunha antiga torre medieval, conservando os característicos ocos alintelados, agora cegados. O máis característico é unha labra ornamental en forma de estrela de David nun dos seus tímpanos.
  • Casa de Rábago Paseiro (séc. XVIII). Casa fidalga pertencente, no seu día, á familia Rábago, unha das máis representativas da historia local. Posúe emblemas barrocos na portada principal.
  • Fonte do antigo peirao (séc. XIX). Trátase dunha fonte de fundición alemá que no seu día se atopaba á entrada do antigo peirao para que as embarcacións puidesen levar auga fresca diariamente.
  • Antigo cine Elma (arquitectura racionalista, séc. XX). O cine Elma inaugurouse en 1953 e foi deseñado polo arquitecto coruñés Antonio Tenreiro Rodríguez, autor dos proxectos doutros cines como o coruñés Savoy e de edificios singulares como a sede central do Banco Pastor ou a Casa Barrié da Coruña. Hoxe en día é un teatro de titularidade municipal.
  • Casa gótica do Patín (arquitectura medieval sécs. XV-XVI). Desta construción destacan as súas columnas labradas e a portada gótica, con arco conopial.
  • Hospitaliño de peregrinación (séc. XVII). Hospedaxe de caridade da antiga ruta xacobea ó seu paso pola vila. Destacan as ménsulas laterais da portada, o gravado en relevo da cuncha e o bordón de peregrinación, que identificaban o uso do inmoble. Posúe un gran valor como elemento de referencia respecto á Ruta Xacobea do Mar da Arousa e Río Ulla, sendo o único exemplo deste tipo de arquitectura que se conserva nese itinerario, moi transitado antigamente no tramo urbano da vila.
  • Antiga pousada (séc. XVIII). Esta edificación correspóndese cunha antiga pousada sobre a cal destaca un gran balcón de forxa corrido. Atopábase no antigo camiño que discorría ata a antiga feira.
  • Casa con patín (arquitectura tradicional, sécs. XVIII-XIX).
  • Urbanismo do primeiro PXOM (arquitectura ecléctica, sécs. XIX-XX).
  • Igrexa de Sta. María a Antiga do Caramiñal (sécs. XVI e XVIII). Igrexa con ábsida renacentista pero cuxa nave principal e ostentosos retablos son de traza barroca.
  • Casa do concello (arquitectura ecléctica, séc. XIX). Este edificio, que orixinalmente era escola, foi construído por Manuel Fernández Varela a principios do séc. XIX conforme o gusto ecléctico da época.
  • Praza do Cristo do Pichón (séc. XVIII). Cruceiro de fuste coroado por un capitel composto con cabezas de anxos e un grupo escultórico da crucifixión de excelente factura e moi realista, conforme os patróns da imaxinaría barroca.
  • Casa da cadea (séc. XVIII). Antigo cárcere do Caramiñal, da época en que a vila se atopaba baixo a xurisdición dos señores de Xunqueiras.
  • Barrio dos cataláns. Tránsito da industria de salgadura á conserveira (séc. XIX).
  • Escultura en bronce: Pescantina, de Gonzalo Sánchez Mendizábal (2001).
  • Torre de Bermúdez (séc. XVI). Monumento histórico-artístico de carácter nacional Construída entre 1540-1545, estamos ante unha residencia civil de elegante ornamento clásico, que debemos situar entre as máis excepcionais que se teñen documentado na historia da arte do noroeste peninsular. Este sobresaínte pazo renacentista alberga o Museo Valle-Inclán.
  • Escultura en bronce. D. Ramón del Valle-Inclán, de Gonzalo Sánchez Mendizábal (2002).
  • Antiga taberna (arquitectura medieval, séc. XV-XVI). Trátase dunha pequena edificación, que foi taberna na época medieval, na cal se aprecian arcos conopiais nos ocos da planta baixa, elementos característicos do período tardogótico.
  • Casa do pincho (arquitectura tradicional, séc. XVIII). As casas do pincho son unha tipoloxía de casa mariñeira tradicional, xeneralizada na costa galega dende o séc. XII ata o séc. XX. Ó parecer, a denominación vén dun gancho de ferro que se colocaba nun dos muros da vivenda co fin de colgaren as redes e así podérenas secar ou amañalas cando fose necesario.
  • Xardíns Valle-Inclán (1.ª metade do séc. XX). A considerada primeira alameda da comarca foi testemuña das actuacións de renovación urbana que tiveron lugar a principios do séc. XX e que modernizaron a estrutura da vila, adaptándoa á súa funcionalidade como capital municipal da época.
  • Antigo casino e Teatro Principal (séc. XIX). Edificación en que se atopaba o antigo casino da vila, construída conforme o gusto ecléctico dos inmóbeis urbanos da época. Con grande interese pola súa vinculación coa historia recente da vila, destacando ademais pola calidade dos seus acabados e os elementos arquitectónicos propios do estilo historicista ó cal pertence.