Ruta Valle-Inclán
Ruta Valle-Inclán
Ruta Valle-Inclán
Seguindo esta ruta, percorreremos distintos espazos da Pobra do Caramiñal vinculados á vida e á obra deste ilustre escritor. A seguir, hai unha breve descrición de cada un dos puntos dela, aínda que cómpre dicir que entre eles non hai unha orde concreta; trátase de ir percorrendo A Pobra e, ó mesmo tempo, ir descubrindo lugares que nos falan da vida de don Ramón e que nos evocan escenarios de varias das súas obras. O ideal para comprender ben esta ruta é facer primeiro unha visita ó Museo Valle-Inclán, o cal axudará as persoas visitantes a se internaren na peculiar atmosfera do creador do esperpento.
- O Colo de Arca: este casal pertenceu a antepasados fidalgos de D. Ramón por liña materna. Foron estes antepasados os que protagonizaron un suceso que o propio escritor recrearía nas súas moi galaicas Comedias bárbaras.
- Antigo Hostal Ferro: estabelecemento de hostalaría contemporáneo a D. Ramón del Valle-Inclán e señora, a actriz Josefina Blanco Tejerina, quen se aloxaron nel con motivo do alugamento e posterior rehabilitación do casal da Mercé.
- Casal da Mercé: logo de alugar e rehabilita-la casa e o terreo, aquí reside a familia Valle-Inclán Blanco entre 1917 e 1921. Aquí escribiu obras de tanto renome como Divinas palabras, Cara de plata ou Los cuernos de don Friolera.
- Villa Eugenia: trala estancia no casal da Mercé, a familia do escritor fixa a súa residencia nesta vivenda urbana, onde habita entre 1921 e 1925. Será este un período de libros excepcionais como La rosa de papel, Tirano Banderas ou Luces de bohemia.
- Igrexa de Santa María a Antiga do Caramiñal: este templo construído durante os períodos renacentista e barroco será evocado nas primeiras versións de Mi bisabuelo, relato de trama galega incorporado logo ó libro Jardín umbrío.
- Farmacia de Tato: estabelecemento fundado en 1903 polo farmacéutico Santiago Tato, amigo de Valle-Inclán, a quen acompañou nas súas excursións polo Barbanza. Aquí tiña lugar un célebre parladoiro en tardes de recreo, algo moi de moda na súa época.
- Casa grande de Aguiar e pazo do Couto: estes dous pazos dominan señorialmente o núcleo histórico do Castelo, xurdido ante o embarcadoiro lembrado por don Ramón no libro Romance de lobos.
- Igrexa de Santiago do Deán: núcleo da tradición nazarena, das persoas ofrecidas e amortalladas que acoden á feira de Viana, evocada en textos valleinclanianos como Sonata de otoño, Romance de lobos ou Divinas palabras.
- Torre de Xunqueiras: monumento histórico-artístico de carácter nacional. Escenario recreado nas aventuras do Marqués de Bradomín.
- Os Areos-casa de García Martí: fogar e estudio do prolífico ensaísta D. Victoriano García Martí, fillo predilecto da localidade. O prólogo do seu libro De la felicidad foi escrito polo seu amigo D. Ramón.
- Miradoiro de Valle-Inclán: marco natural de vistas panorámicas únicas, onde a veciñanza da vila lle tributou unha festa homenaxe (1919). A escultura é obra de vangarda labrada por Benito Prieto Coussent (1936).