CULTURIZÁNDONOS

Un pouco da historia da nosa vila

O que hoxe en día é o concello da Pobra do Caramiñal é froito da unión de dúas localidades veciñas: A Pobra do Deán e a vila do Caramiñal.

Estímase que A Pobra do Deán foi fundada na primeira metade do século XIV a partir dun asentamento estacional de pescadores. Esta localidade estaba rexida pola Igrexa, concretamente por un deán do cabido compostelán, de xeito que A Pobra iniciou unha carreira como porto comercial e pesqueiro que chegou a competir con Padrón, co cal tería discordias respecto ó control directo sobre esta costa ó longo do século XV.

No século XVI, prospera a veciña localidade do Caramiñal, a cal recibiu o título de “vila” en 1554 por parte do cabaleiro Gómez Pérez das Mariñas. É nesta época de esplendor cando se constrúen os templos de Santa María a Antiga e a igrexa parroquial do Xobre, ademais da Torre de Bermúdez.

A unión de ámbalas dúas entidades tivo lugar en 1822, se ben é certo que non foi definitiva ata  1840. A partir de entón viñeron tempos de prosperidade para a nova Pobra do Caramiñal, pois no século XIX prodúcese unha reactivación da industria naval e das actividades pesqueira e portuaria, ligada á vangarda do sector conserveiro. Como lembranza desta época, permanece aínda parte do que fora o “barrio dos cataláns”, os cales se estabeleceron nos areais, e que pode considerarse como un dos primeiros polígonos industriais da zona e xerme da actual industria conserveira, que segue a ser un puntal económico tanto para A Pobra do Caramiñal coma para toda a comarca do Barbanza.