MIRADOIROS

A Pobra do Caramiñal a vista de paxaro

MIRADOIRO DE VALLE-INCLÁN

A 368 m de altitude, atópase este miradoiro-monumento a Ramón María del Valle-Inclán. A estatua, de Benito Prieto Coussent, conmemora as excursións do célebre escritor pola serra do Barbanza. Ofrece unhas espléndidas vistas sobre a ría da Arousa e as distintas poboacións a ámbolos dous lados da ría.

MIRADOIRO DA CUROTIÑA

Sen dúbida, unha das mellores panorámicas de Galicia atópase no miradoiro da Curotiña, a 512 m sobre o nivel do mar. Contempla as fermosas vistas que ofrece: a ría da Arousa, cos seus illotes e polígonos de bateas perfectamente aliñados; a illa de Sálvora, protexendo solemne a bocana da ría e, se o día está moi claro, pódense ver tamén as illas Ons e Cíes e o monte de Santa Trega, xa na fronteira con Portugal.

MIRADOIRO DA PEDRA DA MOURA

Trátase do miradoiro litoral por excelencia do concello da Pobra do Caramiñal. Ofrece unhas vistas privilexiadas da ría da Arousa. Está situado nunha contorna natural de gran beleza, ó pé da inmensa rocha granítica que lle dá nome e que contribúe coa súa caprichosa forma a facer máis fermosa a paisaxe que dende alí se pode contemplar.