PRAIAS
Pés descalzos na area
PRAIA DOS AREOS
Praia de contorno urbanizado, de augas tranquilas, area branca e fina, ideal para a práctica de deportes náuticos. A seguir, e ó outro lado da desembocadura do río Xundeirama, atópase a praia de Santo Antonio. Esta última e a zona sur da praia dos Areos son as únicas do noso concello ás que podes acudir coa túa mascota. Ocupación estival media-alta.

〰
PRAIA DA LOMBIÑA – CABÍO
É a praia mellor acondicionada canto ós servizos se refire: zonas de aparcamento, posto de socorro, merendeiro, restaurantes e empresas de actividades náuticas son algúns deles. Trátase dun areal resgardado, de augas tranquilas e area branca. Destaca a súa enseada en forma de cuncha e o seu paseo marítimo, con preciosas vistas sobre a ría da Arousa. Ocupación estival alta.

〰
PRAIA DA CORNA
Trátase do areal máis extenso do termo municipal (1500 m aprox.) e, sen dúbida, dun dos máis virxes, pois conserva as súas lombas dunares con vexetación propia dos ecosistemas costeiros e conta cos servizos máis básicos (limpeza e accesos). Praia menos resgardada ca outras, pero de ondada tranquila. Ocupación estival media.

〰
Outras praias
Se preferires pequenas e solitarias praias, na Pobra do Caramiñal temos varias onde elixir; iso si, lembra que todas elas conservan o seu estado natural e contan só cos servizos máis básicos (limpeza e accesos).
CALAS DE NIÑEIRIÑOS E AGRONOVO
Situadas na parroquia do Xobre, son as únicas praias naturistas da Pobra do Caramiñal.
Na parroquia de Santo Isidoro, podes atopa-la praia da Ribeiriña, a da Mercé, Cons-Raposiños e a pequena praia de San Lázaro, todas elas accesibles a través de sendeiros e resgardadas por contornos arborados.